OOPS. Your Flash player is missing or outdated.Click here to update your player so you can see this content.
A Parroquia PDF Imprimir E-mail

PousadouroO nome da parroquia de Reboreda procede do latín ROBORETA, derivado de ROBUR, ROBORIS, a palabra con que os romanos denominaban o carballo (Quercus robur). A terminación en -eda (e o seu correspondente masculino -edo ou -ido) é un sufixo habitual para formar colectivos, e vémolo en moitos nomes de lugar que derivan de nomes de árbores ou plantas, coma en Abeleda, Amoedo, Cerdedo, Figueirido ou Sanguiñeda, relativos a lugares caracterizados pola presencia ou abundancia de abeleiras, amieiros, cerdeiras, figueiras e sanguinos, respectivamente.
Así pois, o nome de Reboreda significa 'lugar poboado de carballos'. E un topónimo que ten sen dúbida máis de mil anos, e desde hai oitocentos xa o rexistramos por escrito denominando o territorio e a igrexa de Reboreda, con categoría administrativa de freguesía ou parroquia, baixo a advocación de Santa María e pertencente ó arciprestado de Redondela e á diocese de Tui.

Durante o Antigo Réxime, ata mediados do século XIX, Reboreda foi parroquia de presentación e padroado laico, o que quere dicir que no eclesiástico era rexida por un párroco proposto polo fidalgo que gozaba de tal dereito sobre ela. Francisco Ávila y la Cueva, na súa historia do bispado de Tui, composta entre 1832 e 1854, detalla as importantes rendas que percibía o párroco de Reboreda nesa época e explica que "Este beneficio es presentacion de la casa titular de Reboreda, que está sita en esta parroquia pegada a su Yglesia parroquial, cuya con su Mayorazgo anda hoy en día en la ilustre casa de los Pereyras". Cen anos antes, no Catastro de Ensenada (de 1752), figura como titular dése dereito de presentación don Bernardino Pereira e Prego de Montaos, señor de Reboreda, e como abade da parroquia o seu irmán don Baltasar Ramón Pereira.

En 1752 a poboación de Reboreda estaba composta por 360 veciños (familias) e 1362 almas (habitantes), que ocupaban 372 casas. En 1845 a poboación era de 369 veciños e 1845 almas, e o número de casas 400, segundo o Diccionario de Madoz, que tamén dá conta da existencia dunha escola de primeiras letras frecuentada por uns 30 nenos de ambos sexos, "cuyos padres dan al maestro la retribución convenida"